<?xml version="1.0" encoding="utf-8"?>
<rss version="2.0">
<channel>
<title><![CDATA[Comentarios al libro: DUBIDO SE MATEI A LENA]]></title>
<link><![CDATA[https://api.biblioeteca.com/biblioeteca.web/titulo/dubido-se-matei-a-lena]]></link>
<description><![CDATA[É de agradecer que a reflexión e a práctica das artes nos conduza a dubidar sobre a entidade dos actos. Este título feliz merece o texto que o acompaña. Trátase dun libro fráxil no que a dúbida é omnipresente. E a inseguridade arredor do que se é ou o que facer, o medo. O medo aos nomes, o medo a nomear. A penas se contabilizan nomes nin xeográficos nin persoais, e só os das mulleres: Lena, Brenda, Elba, as vocais sempre as de «ela». É un libro de derrotas, as victorias sempre hai quen as cante. Non é un tratado da condición feminina pero si un libro sobre as mulleres, cando menos sobre mulleres. O volume compóñeno vinteoito textos nos que as personaxes aparecen, vanse e semellan que volven, co mesmo nome pero xa distintas. Fragmentos de historias que, valéndose en por si, en conxunto forman unha historia maior. As mulleres vense de nenas e de adultas, como persoas e como parte das outras mulleres, da familia, dos homes, o que se espera delas. Vense desde dentro e desde fóra, os narradores en estilo indirecto libre, primeira e tereceira persoa altérnanse e ás veces sorpréndenos no medio dun relato a irrupción dun narrador ou narradora inagardada. As historias sitúanse case sempre ou na noite ou en penumbra, o frío e os invernos reflicten o desamparo físico e sentimental das protagonistas. As mulleres son violentadas sen delicto, case con fastío, coma se falásemos dunha rutina e nin se desen conta. Levan vidas de miseria e angústianse cando se ven inmobilizadas pola educación patriarcal. Angústianse polo tempo perdido e por non seren quen de ceibarse a pesar de seren conscientes de que a trampa que as aferrolla ten barrotes de ficción. A longa aprendizaxe do xénero xa afogou a súa sexualidade e dificultou as súas posibilidades de relación coa realidade. Diante desta situación caben varias respostas: o suicidio, a loucura, a obxectualización ou a violencia real ou intelectual como refuxio contra a traxedia. Quen isto asina celebra que obras coma esta se escriban entre nós. Agardamos máis.]]></description>
<lastBuildDate>Wed, 30 Sep 2026 12:21:06 +0000</lastBuildDate>
<language>es</language>
<copyright>Copyright 202 6BiblioEteca Technologies SL</copyright>

</channel>
</rss>
